Hábito cristalino
En mineraloxía, o hábito cristalino é a forma externa característica dun cristal individual ou un grupo de cristais. O hábito dun só cristal é unha descrición da súa forma xeral e as súas formas cristalográficas, e de ata que punto está ben desenvolvida cada forma. O aspecto dos minerais pode dividirse en cristais illados, asociacións ou agregados de cristais, e masas.
Recoñecer o hábito pode axudar a identificar un mineral. Cando as caras do cristal están ben desenvolvidas debido a un crecemento con moito espazo dispoñible o cristal denomínase euédrico, un cristal con caras parcialmente desenvolvidas é subédrico, e un con caras non desenvolvidas denomínase anédrico. O eixe longo dun cristal de cuarzo euédrico ten un hábito prismático de seis lados con caras opostas paralelas. Poden formarse agregados de cristais individuais con grans euédricos e anhedricos. A disposición dos cristais dentro dun agregado pode ser característica de certos minerais. Por exemplo, os minerais usados para o illamento con asbesto adoitan crecer nun hábito fibroso, unha masa de fibras finas.[1][2]
Os termos utilizados polos mineraloxistas para falar dos hábitos cristalinos describen a aparencia típica dun mineral ideal. Recoñecer o hábito pode axudar á identificación, xa que algúns hábitos son característicos. Porén, a maioría dos minerais non mostran hábitos ideais debido ás condicións reinantes durante a cristalización. Os cristais euédricos formados en condicións con moito espazo para crecer sen grans de cristal adxacentes non son comúns; o máis común é que as caras non se formen moi ben ou non se formen contra grans adxacentes e o hábito mineral pode non ser doadamente recoñecible.[1]
Os factores que inflúen nos hábitos que vai ter un mineral poden ser: unha combinación de dúas ou máis formas cristalinas; trazas de impurezas presentes durante o crecemento; maclado e condicións de crecemento (é dicir, calor, presión, espazo); e tendencias de crecemento específicas como estriacións de crecemento. Os minerais que pertencen ao mesmo sistema cristalino non necesariamente presentan o mesmo hábito. Algúns hábitos dun mineral son únicos dunha determinada variedade ou lacalidade. Por exemplo, mentres que a maioría dos zafiros forman cristais con forma de barril alongado, os que se encontran en Montana forman cristais tabulares grosos. Ordinariamente, ese último hábito é o que teñen os rubís. O zafiro e o rubí son variedades dun mesmo mineral, o corindón.
Algúns minerais poden substituír outros minerais existentes conservando inalterado o hábito orixinal. Este proceso denomínase substitución pseudomórfica. Un exemplo clásico é o cuarzo ollo de tigre, onde o asbesto crocidolita foi substituído por sílice. Aínda que o cuarzo forma tipicamente cristais prismáticos (alongados e con forma de prisma), no ollo de tigre conservouse o hábito fibroso orixinal da crocidolita.
Os nomes dos hábitos cristalinos derivan de:
- Caras do cristal predominantes (prisma – prismático, pirámide – piramidal e pinacoide – laminar).
- Formas do cristal (cúbico, octaédrico, dodecaédrico).
- Agregación de cristais ou agregados (fibroso, botrioidal, radiante, masivo).
- Aparencia do cristal (foliado/lamelar (en capas), dendrítico, en coitelas, acicular, lenticular, tabular (con forma de tableta)).
Lista de hábitos cristalinos
[editar | editar a fonte]Hábito[3][4][5] | Imaxe | Descrición | Exemplo(s) comúns |
---|---|---|---|
Acicular | Con forma de agullas, delgadas ou que se van afiando e acabando en punta | Natrolita, rútilo[6] | |
Amigdaloide | Forma de améndoa | Heulandita, circonio subédrico | |
Con forma de coitela | Forma de follas cortantes, delgadas e aplanadas | Actinolita, Cianita | |
Botrioidal ou globular | Con forma de uvas, masas hemisféricas | Hematite, pirita, malaquita, smithsonita, hemimorfita, adamita, variscita | |
Columnar | Similar ao fibroso: prismas delgados longos a miúdo con crecemento paralelo | Calcita, xeso/selenita | |
Cristado (coxcomb) | Agregados de cristais tabulares con follas estreitamente espazadas. | Barita, marcasita | |
Cúbico | Forma de cubo | Pirita, galena, halita | |
Dendrítica ou arborescente | Forma de árbore ramificado, ramificándose nunha ou máis direccións desde un punto central | Romanechita e outros minerais de óxido de Mn, magnesita, cobre nativo | |
Dodecaédrico | Dodecaerdro rómbico de 12 lados | Granate | |
Drusas ou incrustacións | Agregado de cristais diminutos que recobren unha superficie ou cavidade | Uvarovita, malaquita, azurita, cuarzo | |
Enantiomórfico | Hábito de imaxe especular (é dicir, maclado cristalino) e características ópticas; cristais dextroxiros e levoxiros | Cuarzo, plaxioclasio, estaurolita | |
Equante (equant), groso | A lonxitude, largura son aproximadamente iguais | Olivina, granate | |
Fibroso | Prismas extremadamente delgados | Grupo da serpentina, tremolita (é dicir, asbesto) | |
Filiforme ou capilar | Forma de pelo ou filamento, extremadamente fina | Moitas ceolitas | |
Foliado ou micáceo ou lamelar (en capas) | Estrutura laminada, separada en finas láminas | Mica (moscovita, biotita etc.) | |
Granular | Agregados de cristais anédricos en matriz | Bornita, scheelita | |
Hemimórfico | Cristais con dúas terminacións ou extremos de formas diferentes. | Hemimorfita, elbaíta | |
Exagonal | Forma de exágono de seis lados | Cuarzo, hanksita | |
Cristais en moega | Como o cúbico, pero as porcions externas dos cubos crecen máis rápido que as porcións internas, creando unha concavidade | Halita, calcita, bismuto sintético | |
Mamilar | Con forma de mama: superficie formada por formas esféricas parciais intersectadas, unha versión máis grande que a botrioidal, tamén agregados de capas concéntricas | Malaquita, Hematite | |
Masiva ou compacta | Sen forma definida, non ten forma externa distintiva | Limonita, turquesa, cinabrio, realgar | |
Nodular ou tuberosa | Depósito de formas aproximadamente esféricas con protuberancias irregulares | Calcedonia, varias xeodas | |
Octaédrico | Octaedro de oito lados (dúas pirámides unidas pola base) | Diamante, magnetita | |
Laminar (en placas) | Pinacoide prominente, plano, con forma de tableta | Wulfenita | |
Plumoso | Escamas con forma de pluma, finas | Auricalcita, boulangerita, mottramita | |
Prismática | Con forma de prisma alongado: caras dos cristais ben desenvolvidas paralelas ao eixe vertical | Turmalina, berilo | |
Pseudoexagonal | Aparencia exagonal debido ao maclado cíclico | Aragonita, crisoberilo | |
Radiante ou diverxente | Radiante cara a fóra desde un punto central | Wavellita, soles de pirita | |
Reniforme ou coloforme | Similar ao botrioidal/mamilar: masas con forma de ril intersectadas | Hematite, pirolusita, greenockita | |
Reticulado | Intercrecementos con forma de rede que forman cristais | Cerusita | |
Roseta ou lenticular (cristais con forma de lente) | Laminares en placas, radiando con forma de rosa radiais | Xeso, barita (é dicir, rosa do deserto) | |
Esfenoidal | Forma de cuña | Esfena | |
Estalactitico | Formas coma as das estalactitas e estalagmitas; forma cónica ou cilíndrica | Calcita, goethita, malaquita | |
Estrelado | Forma de estrela, radiando | Pirofilita, aragonita | |
Estriada | Non é un hábito propiamente dito, senón unha condición de liñas que poden crecer en certas caras do cristal en certos minerais | Turmalina, pirita, cuarzo, feldespato, esfalerita | |
Groso ou en bloques ou tabular | Máis alongado que o equante, lixeiramente máis longo que largo, forma de tableta plana | Feldespato, topacio | |
Tetraédrico | Cristais con forma de tetraedro | Tetraedrita, espinela, magnetita | |
Feixe de trigo | Agregados que lembran feixes de trigo seiturados a man | Estilbita |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Klein, Cornelis, 2007, Minerals and Rocks: Exercises in Crystal and Mineral Chemistry, Crystallography, X-ray Powder Diffraction, Mineral and Rock Identification, and Ore Mineralogy, Wiley, third edition, ISBN 978-0471772774
- ↑ Wenk, Hans-Rudolph and Andrei Bulakh, 2004, Minerals: Their Constitution and Origin, Cambridge, first edition, ISBN 978-0521529587
- ↑ "What are descriptive crystal habits". Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2017. Consultado o 17 de xullo de 2018.
- ↑ "Crystal Habit". Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2009. Consultado o 17 de xullo de 2018.
- ↑ "Habit". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 17 de xullo de 2018.
- ↑ Hanaor, D.A.H; Xu, W; Ferry, M; Sorrell, CC (2012). "Abnormal grain growth of rutile TiO2 induced by ZrSiO4". Journal of Crystal Growth 359: 83–91. Bibcode:2012JCrGr.359...83H. arXiv:1303.2761. doi:10.1016/j.jcrysgro.2012.08.015.